O Campo das Mouteiras (parte I)


Campo das Mouteiras
primeira parte

Debido á riqueza lingüística do Galego, coido oportuno utilizar neste relato as distintas formas que os do Barbanza temos para denominar a unha pedra cravada no chan (como se fose un menhir, pero en miniatura) ben sexa para sinalar os lindes dun terreo, os nomes dos lugares, como indicador de distancias quilométricas ou mesmamente como monumento conmemorativo, para que algo ou alguén sexa recordado. Polo tanto, neste post utilizarei os distintos sinónimos: Marco, fito, mouteira e tamén un castelanismo moi arraigado na comarca, como é mojón.

A historia que vou contar, aconteciu durante un periodo de tempo moi extenso, dende pouco despois da caída do Imperio Romano (tomando como referencia o século V d.C.) ata prácticamente a actualidade, xa que remata a medeados do século XX (que foi onte). Non se sabe se a causa de tal cese foi debido á evolución da especie, á chegada da televisión ou unha total complementación de ámbolas dúas. Aínda que non falta quen di, que foi debido á invasión masiva de turistas á zoa, xa que pouco a pouco a totalidade dos mojóns que había  no Campo das Mouteiras, foron desaparecendo. De seguro que máis de catro terán un par deles no xardín.

E diredes vos... De que estará falando o tipo este?
Jajaja! Non vos preocupedes, agora vos explico todo con detalle. Considero necesario dividir este tema en duas partes, esta é a primeira, na que fago a descripción, na seguinte entrega (que será axiña) será o desenvolvemento, onde os personaxes entran en acción. Agardo que vos guste.

O Campo das Mouteiras era unha especie de recinto sagrado, onde por tradición, se expoñía con orgullo o marco polo logro adquirido. Este campo atópase nunha zona que se coñece como Furadelas, preto do Castro de Baroña, unha superficie máis ou menos plana con forma case circular, que ben podía ser dedicada ao cultivo, pero salvo fitos, alí nunca se prantou nada. Está zoa está delimitada por árbores autótonos, moitos carballos entre sobreiras, pinos e castiñeiros.

Xa non son poucos os que aproveitando o morrer do día, tiraron cara Robaleira, Ouriseira ou Viascón coa intención de subtraer do mar os mellores manxares. Tamén é verdade que dependendo da lúa, da marea, da sorte e tamén das gañas que lle puxera cada un, viría dun xeito ou doutro. De seguro que á falta dun bo congrio da parede de Guillufe, voltaría co cesto cheo de serráns, mariolas, maragotas ou algunha que outra mariscada considerable. Aínda que en realidade o interese destes pescadores era outro. No fondo, todos eles vivian nun soño constante, pensando no día do apresamento do “Lajarto” xa que a captura desta presa, permitíalles cravar o fito no Campo das Mouteiras, e deste xeito deixar canstancia da valiosa e descomunal captura.
O Lajarto era un animal acuático, raro e moi codiciado, xa vai por un puñado de anos da súa extinción, pero semellaba unha especie de lagarto arnal, con aletas péctorales en forma de patas, dentes afilados como demonios, unha lingua de terminación bífida e escamas de cor escarlata trasparente, que viraban azul turquesa ao pouco de estar fora da auga.

Entre o leste e o centro do Campo das Mouteiras entrepoñíase un  penedo no que o murmurio das ondas da Polveira e Coído resoaban entre os seus dous bicos,  dos que moitos pensaban que era a petrificación da espada de Odiseo, xa que foi el o primeiro en dar captura ao dichoso e ansiado Lajarto, outros pensaban que esa terminación bífida do penedo, era a viva representación da língua do animal. O que está claro é que a situación respeto ao leste de tal outeiro, en certo modo marcaba o inicio do campo, correspondente ás 12h (horariamente falando). Ao seu carón en sentido horario continuaban os mojóns dos distintos afortunados, seguindo un riguroso orden cronolóxico e conformando deste xeito case a totalidade perimetral do Campo, rematando co de Pablo Calleiro que ocupaba a posición correspondente as 21h. En total había 10 marcos, e o único que tiñan en común era a terminación bífida, xa que cada un deles estaba feito dun material distinto, dependendo dos gustos do dono. Proba contundente de que xa daquela os de Baroña poñían o marco como lles petaba, pedra de Agramonte, granito de Porriño, mármol camerunés, ata houbo un que quixo quitarlle unha racha ao Outeiro Bicudo, evidentemente non lle deixaron... Polo contrario, outro quixo ser distinto, utilizou unhas pezas esmaltadas que lle sobraran daquela cando anos atrás azulexara o cuarto de baño, conseguindo que lucira nas 16h un fascinante mosaico, marcando deste xeito un estilo, único, sobrio e elegante, típico baroñés. De feito, pénsase que nunha das viaxes que Antonio Gaudí fixo ao Castro de Baroña, aproveitou para pasar polo Campo da Mouteiras o cal lle serviría de inspiración para as obras, Parque Güell, Casa Milá e Casa Batlló entre outras moitas coñecidas mundialmente.





Comentarios

  1. PERO VENTOSIÑO... A TI QUEN CHE CONTA TODO ESO???

    ResponderEliminar
  2. Jajaja! Supoño que o mesmo que no seu día lle dixo ao manco de Lepanto, o nome do cabalo de D. Quijote.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Entradas populares

Donald Trump en Baroña

MANDOLINA NAPOLITANA (construcción - fase 1)

MANDOLINA NAPOLITANA (construcción - fase 3)

Os cans da miña aldea

Sol e candil